En outubro de 1932, un grupo de afeccionados á aeronáutica decide constituír en Santiago de Compostela un aeroclub. O 28 de decembro noméase a primeira xunta directiva que dous anos máis tarde selecciona os terreos para a instalación dun aeródromo na zona denominada Cruceiro Bonito, no municipio de Lavacolla.
As primeiras obras, a principios do 1935, supoñen a explanación e compactación de tres zonas de aterraxe, formando un triángulo de pistas de dimensións 1100 por 200 metros, 950 por 150 metros e 600 por 125 metros.
A pesar do carácter militar que adquire o aeródromo de Lavacolla ó iniciarse a guerra civil, en febreiro do 1937 créase o Padroado do Aeroporto, que asume o compromiso de fomenta-lo establecemento dunha liña aérea na cidade. Os servicios comerciais regulares inícianse o 27 de setembro do 1937, coa liña aérea Santiago-Salamanca-Valladolid-Zaragoza.
Entre 1940 e 1942 lévanse a cabo as obras de “Explanación da pista norte-sur e zona central no aeródromo de Lavacolla” que son realizadas por Batallóns de Soldados Traballadores (nº28, 29 e 31) e por veciños de Santiago que, dende principios do proxecto do Aeródromo Compostela, traballaron de xeito forzoso nas obras do campo de voos.1
A apertura provisional ó tráfico civil nacional e internacional e de escalas técnicas de tráfico comercial prodúcese o 30 de xuño do 1947. Un sinxelo barracón de madeira serve ós viaxeiros de protección contra as inclemencias do tempo.
No verán de 1948, inícianse as obras de asfaltado da pista norte-sur. A pista de rodaxe e o estacionamento constrúense entre 1953 e 1954, ó tempo que se ergue un centro de emisores e se instala un radiofaro omnidireccional para a mellora das axudas á navegación.
No 1958 ponse en servicio o balizamento do aeroporto e instálase un localizador portátil de ILS na cabeceira 35 e unha radiobaliza na 17. A central eléctrica constrúese na primavera dese ano. En 1961 instálase un equipo VOR.
No trienio 1964-1967, realízase a ampliación da pista 36/18, instálase un ILS, constrúese o parque contra incendios, mellórase e amplíase a rúa de rodaxe e o estacionamento e constrúese unha nova torre de control e un novo edificio terminal de pasaxeiros.
En 1981, constrúese unha terminal de carga, ampliada dous anos despois. En 1982 establécese o servizo de aduanas para o despacho de viaxeiros e equipaxes, que máis tarde se amplía ás mercancías de exportación e importación.
A terminal de pasaxeiros, construída en 1969, ampliouse en varias ocasións. En 1993, dotóuselle así mesmo dun ILS Cat II/III co que se permite co que operar aos avións en condicións de baixa visibilidade e reducir así significativamente os desvíos e cancelacións producidos por condicións meteorolóxicas adversas (néboa e nubes baixas). Dispón o aeroporto dunha pista de voos e dunha plataforma de aeronaves dotada dunha zona específica para aviación xeral.
En outubro de 2011 o Ministerio de Fomento, a través de Aena, puxo en servizo unha nova infraestrutura que multiplica a capacidade, a operatividade e mellora a calidade dos servizos do aeroporto. A nova terminal, o novo aparcamento, os novos viais e accesos, xunto á ampliación da plataforma de estacionamento de aeronaves, a nova central eléctrica e a nova torre de control permiten atender 4 millóns de pasaxeiros coas máximas garantías de seguridade, calidade e servizo.
O 2 de abril de 2020 o BOE publica o cambio de nome do aeroporto, que pasa a denominarse Santiago-Rosalía de Castro, para poñer de manifesto a relevancia da escritora máis representativa da lingua galega, con motivo do 180 aniversario do seu nacemento, e reivindicar así a súa memoria, a súa contribución á literatura europea e a súa loita pola recuperación e forxa da identidade de Galicia.
1Rodríguez Arias, X., (2017), 100 Anos de aviación en Compostela, Santiago, España. Andavira Editora e Consorcio de Santiago.