Historia

A aviación fixo a súa aparición en Vigo en 1911 cun espectáculo aéreo levado a cabo polo francés Jules Verdines. Dúas novas festas da aviación tiveron lugar en 1913 en Coia, e en 1919 na praia de Panxón.

Mais ata os anos vinte non se pensa en fins comerciais. Entón, Vigo era o último porto europeo utilizado habitualmente polos vapores con destino e procedencia de Sudamérica, polo que transportaban toda a correspondencia. Así, a Comisión Técnica de Correo Aéreo estableceu unha ruta Madrid-Salamanca-Porto-Vigo que, non obstante, nunca chegou a adxudicarse.

En 1927, o Goberno considerou de interese xeral a construción dun aeródromo con carácter aduaneiro en Galicia. Ao mesmo tempo, o porto de Vigo era habilitado para a hidroaviación. En marzo de 1929, abriuse ao tráfico aéreo oficial para a hidroaviación o porto marítimo e a baía de Vigo. Como complemento a estas instalacións, decidiuse construír un "aeroporto marítimo" na praia de Cesantes, no municipio de Redondela.

O aeroporto de Peinador

Mentres, o proxecto de aeródromo terrestre seguía o seu curso nuns terreos denominados Peinador, próximos á estación de tranvía Vigo-Mondariz. O concello vigués, co apoio de varias empresas locais, impulsou as obras mais a falta de fondos obrigou á prestación gratuíta de servizos por parte dos veciños de Vigo, Lavadores e Mos.

O establecemento da liña regular no veciño aeroporto de Santiago en 1937 relegou a un segundo plano a necesidade do aeroporto de Vigo e as obras quedaron case paralizadas. Non obstante, grazas ao empeño do concello, o Ministerio do Aire volveu facerse cargo delas en 1940.

Tras declarar as obras con «carácter de urxencia», o aeroporto construíuse entre 1947 e 1952, ano no que se publicaron as servidumes aeronáuticas. Finalmente, o 20 de abril de 1954, coas instalacións complementarias aínda sen concluír, abriuse ao tráfico aéreo civil, nacional completo e internacional de turismo. O aeroporto dispuña dunha pista de 1500 metros. Cinco días despois aterrou o primeiro avión, un DC-3 da compañía Iberia inaugurando así a liña Madrid-Vigo que pasou aos poucos meses a ser atendida por Aviaco.

O aeroporto reformouse amplamente nos anos setenta. En 1973, construíuse a torre de control; un ano despois, un novo edificio terminal de pasaxeiros; e en 1975, a central eléctrica. En 1976, ampliouse a plataforma de estacionamento e o seu enlace coa pista de voo. Nos anos seguintes, ampliouse a pista de voo para permitir as operacións dos avións reactores DC-9. Grazas a iso, en novembro de 1981 tivo lugar o primeiro voo de carácter internacional.

En 1995 construíuse un novo edificio terminal  e ampliouse a plataforma. O edificio terminal de pasaxeiros ocupa dúas plantas do edificio principal e inclúe a zona de saídas, chegadas, restauración, tendas, servizos e oficinas de administración. O aeroporto dispón dunha pista de voo e dunha plataforma de estacionamento de aeronaves, parte da cal é utilizada como heliporto. Así mesmo, dispón dunha torre de control, unha terminal de carga, un edificio contra incendios e salvamento, un centro emisor, unha zona de aviación xeral e unha central eléctrica.

No ano 2004 entrou en funcionamento o Sistema Instrumental de Aterraxe (ILS) de Categoría II/III. Peinador convertíase así no quinto aeroporto da rede de Aena en dispoñer deste avanzado sistema tecnolóxico que permite operar aos avións en condicións de baixa visibilidade e reducir significativamente os desvíos e cancelacións producidos por condicións meteorolóxicas adversas (néboa e nubes baixas).

Para máis información, pode adquirir a obra de Patricia Álvarez e Luis Utrilla, Historia del Aeropuerto de Vigo.